O incremento do uso e creación de redes sociais novas no noso país vai parello aos beneficios e vantaxes que os internautas lle van atopando a este tipo de ferramentas co paso do tempo, para, entre outras cousas, poñerse en contacto con persoas dos seus mesmos gustos, afeccións ou intereses e manter unha relación de amizade ou contacto online.
Dende que se extendeu o seu uso, en Galicia xa se levan creado redes sociais para compartir vehículo nos nosos desprazamentos, para compartir afeccións, para seareiros da literatura, para os integrantes das tres universidades galegas, para loitar en prol da nosa lingua, etc., e así poderá seguir sendo ata ter creadas tantas comunidades en liña como temáticas se lles ocorran á comunidade internauta.
O que ata agora non se tiña creado no noso país era unha rede social en torno a unha das enfermidades máis temidas e extendidas nos países desenvolvidos: o cancro, que atopa o seu espazo virtual na rede social Oncored.es, posta a andar en Lugo.
Trátase da primeira rede social dedicada especificamente á oncoloxía no noso país, que foi deseñada tanto para profesionais sanitarios como para doentes, de maneira que todos atopan neste espazo virtual un punto de conexión permanente.
Esta ferramenta online permite poñer en contacto a persoas que conviven co cancro, ben en primeira persoa ou ben a través de familiares e amigos que o padecen, así como a profesionais da sanidade implicados nesta doenza..
O proxecto botou a andar da man da firma Acio en colaboración con Pexego sistemas informáticos, e precisou para a súa posta en marcha, uns “117.000 euros, que chegaron a través da Secretaría Xeral para a Modernización e Innovación Tecnolóxica”, segundo informa de primeira man o diario lucense El Progreso.
Despois dun mes dende a súa posta en marcha, Oncored.es leva rexistrados máis de medio cento de usuarios e usuarias, que botan man das vantaxes da Rede 2.0. para ampliar os seus coñecementos en torno a esta doenza e mellorar, na medida do posible, a súa particular loita.
Oncored.es funciona dun modo moi similar a outras redes xenéricas como son Facebook ou Tuenti, e entre as súas actividades online permite dirixir comentarios privados a determinados usuarios, acceder a novas relacionadas coa doenza ou configurar un sistema de alertas que avise das horas da medicación, das citas no especialista…, entre outras cousas.
Trátase, en definitiva, dunha ferramenta virtual pensada para mellorar a calidade de vida das persoas que sofren esta enfermidade, así como para os profesionais da sanidade interesados en ter información de primeira man sobre os síntomas e a evolución dos doentes de cancro.
Creada en Lugo a primeira rede social arredor do cancro
Compartir Este Artigo

