A alfabetización dixital, a formación multimedia e audiovisual e a formación avanzada para autónomos, profesionais das TIC e empregados públicos son os tres piares fundamentais sobre os que se substenta o Plan de Formación 2011 da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia (Rede CeMIT), presentado hoxe mesmo en Compostela.
Trátase dun programa que recolle unha oferta de máis de 1.000 cursos de balde a impartir 89 Concellos de toda a Comunidade e que vai chegar a formar a unhas 12.000 persoas, ben mediante a modalidade presencial ou ben a través de Internet.
O proxecto supón “a plasmación da aposta do Goberno galego polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre a poboación” e pon especial énfase nos colectivos máis afectados pola fenda dixital, así como nos empresarios e autónomos.
Este Plan de Formación 2011 impartirá nas 94 aulas que compoñen a Rede CeMIT un programa dividido en tres áreas que suman unhas 10.000 horas de formación en total.
A primeira área de cursos está dirixida aos sectores da poboación con máis dificultades de acceso ás novas tecnoloxías e desenvolverá cursos sobre acceso a Internet, orientación laboral, redes sociais, comercio e banca, ocio e servizos en rede, equipamento TIC, ofimática, seguridade, deseño gráfico e administración electrónica.
Nun segundo nivel o Plan ocuparase da dinamización dos sectores da poboación relacionados coas tecnoloxías multimedia e audiovisual.
E na terceira área do Plan de Formación, destinada a microempresarios e autónomos, desenvolverase formación específica sobre o uso de ferramentas tecnolóxicas que axuden a mellorar a xestión empresarial nestas entidades; xa que logo, realizaranse cursos sobre a busca de traballadores en Internet, recomendacións para contratar unha páxina web de empresa, o emprego de follas de cálculo, comercio electrónico e a realización de copias de seguridade.
O programa recolle, asemade, cursos para os profesionais das TIC (tanto ocupados como desempregados) e formación para o colectivo de empregados públicos, entre outros.
Para a realización de actividades do Plan de Formación 2011, a Rede CeMIT vén de informar que “todas as aulas están dotadas de equipamento básico como ordenadores, conexión a Internet, Wi-Fi, impresoras, escáneres, webcam, proxectores, lectores de DNI electrónico…” así como equipamento avanzado para levar a cabo videoconferencias, con vistas a realizar as actividades en formato telepresencial.
Xunto cos 1.000 cursos impulsados pola Xunta de Galicia, o Plan de Formación 2011 prevé a adhesión de entidades colaboradoras, que poderán empregar as instalacións da Rede CeMIT para a difusión dos seus propios proxectos en materia de novas tecnoloxías ou para desenvolver actividades formativas propias.
A Rede CeMIT ofertará máis de 1.000 cursos de formación TIC este ano
Compartir Este Artigo

