Que me quiten lo bailao é o tema co que Lucía Pérez, unha luguesa do Incio que leva dende os trece anos traballando no mundo da música, vai representar a España no vindeiro festival de Eurovisión que terá lugar en Düsseldorf (Alemaña).
O tema foi escollido pola audiencia do programa Destino Eurovisión de TVE, onde a cantante galega competía con outros artistas de toda España por unha praza no festival europeo da canción.
Porén a versión definitiva do tema (que por certo non acababa de convencer nin á propia intérprete) foi modificado e presentaba xa moitos cambios con respecto á maqueta inicial. Cambios cos que Lucía Pérez e o seu equipo pretendían sorprender á audiencia o vindeiro 14 de maio, porén que agora veñen de ser revelados ao ter filtrado o videoclip da canción na Rede cos devanditos arreglos.
O vídeo, que foi pendurado esta fin de semana en Youtube, contén diversas esceas do videoclip realizado o pasado sábado na plaia La Fragata de Sitges, onde podían participar tódalas persoas que se achegaran ao lugar coa única condición de acudir disfrazadas, entre as cales, visto o visto, había xente con móbiles de última xeración e con ganas de estragar a sorpresa.
O vídeo está pendurado en Youtube dende a pasada madrugada e nel pode comprobarse que a última versión inclúe novos instrumentos como flautas, gaitas, violíns e unha potente percusión, así como diferente tonalidade que lle dan un aire máis “étnico”.
Filtran na Rede a versión definitiva da canción que irá a Eurovisión
Compartir Este Artigo

