O Diario Oficial de Galicia (DOG) en papel ten os días contados. Son exactamente 18 os días que faltan para que este documento fundamental para toda a cidadanía galega deixe de publicarse en formato impreso, para pasar a editarse unicamente en formato dixital.
Así o publica na súa edición de hoxe o anuncio de licitación para a contratación do servizo, consistente na realización de traballos para a edición electrónica do DOG mediante procedemento aberto, “baseado en multicriterios e tramitación ordinaria”.
As empresas que desexen presentar as súas ofertas, para as que se dispón dun orzamento de licitación de 684.000 euros, teñen de prazo ata o vindeiro 28 de marzo ás 14.00 horas.
Segundo informan dende o executivo, “a dixitalización do DOG repórtalle ás arcas da comunidade un aforro en torno ao medio millón de euros respecto ao ano pasado, e de 1 millón e 1,2 millóns en relación aos anos 2009 e 2008, respectivamente”.
Coa creación do DOG electrónico garantirase un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a través da Rede, sen límites temporais nin territoriais; que, sobre todo, suporá a simplificación dos procesos de produción, a redución dos tempos de edición e a racionalización do seu gasto, ao suprimir os custos superfluos.
Os servizos obxecto do concurso, que requiren un alto grado de especialización, resúmense nas fases de corrección, composición e maquetación, sinatura e, finalmente, novo cotexo galego-castelán antes da súa publicación na Web.
O DOG en papel desaparecerá definitivamente en abril
Compartir Este Artigo

