Esta mañá a sala New Garamond de Madrid acolleu un evento organizado por Nintendo para centos de xornalistas e blogueiros para presentar oficialmente en España a súa nova consola portátil. Para que o acto fose máis alá de deixar probar a Nintendo 3DS aos presentes, comezouse cunha réplica do programa de televisión de Buenafuente, na que o coñecido presentador comezou cun monólogo sobre videoxogos para encadear logo unha serie de entrevistas moi amenas nas que adiantaron detalles sobre a nova consola e a impresión que tiñan sobre a mesma distintos convidados.

Posteriormente visitaron o escenario desenvolvedores coma Enric Álvarez, de Mercury Steam, compañía que desenvolveu Castlevania: Lord of Shadow (o que podería dar a entender que hai un novo Castlevania en preparación para a 3DS) e os independentes Tyrone Rodríguez (que está a traballar en Nicalis Ins para levar Cave Story á Nintendo 3DS) e Roberto Álvarez de Lara (un dos responsables Over The Top, estudo español que desenvolveu NyxQuest, título de grande éxito en WiiWare), que destacaron as posibilidades que abren as 3D na creación de videoxogos.

Amais, Punset e Buenafuente comentaron que participaron nun experimento de Nintendo no que os convidaron a probar a nova consola portátil para gravar a súa primeira impresión ao probar a súa pantalla autoesteoscópica, o que tamén fixeron outros figuras de sona coma o futbolista Pepe Reina, a actriz Paula Echevarría e aos membros de El Hormiguero Juan Ibáñez (Trancas) e Jorge Marrón (Marron), como podemos ver a continuación:
Probando a Nintendo 3DS


Os xogos que puideron probarse a fondo ían dende Los Sims 3 (unha adaptación bastante modesta do xogo, que non destaca especialmente no catálogo da nova portátil de Nintendo) ata unha impresionante conversión ás 3D de Rayman 2, que pese a ser unha saga bastante esquecida (en boa medida por verse eclipsada polos Rabbids, que naceran coma personaxes secundarios e que ascenderon para contar con múltiples xogos de seu) resulta ideal para experimentar a profundidade que achega a pantalla da 3DS.
Un dos xogos máis representativos da Nintendo 3DS será o Nintendogs + Cats, que sorprende polo feito de que as 3D non só afectan ao contorno, senón que tamén dan certo volume ás mascotas que protagonizan o xogo, o que fará gozar aos moitos seareiros desta franquía. Tamén había moitos interesados en probar o mencionado The Legend of Zelda: Ocarina of Time, no que podemos considerar que é unha conversión máis que correcta, na que as 3D déixanse notar, aínda que a súa maior virtude é a de permitir ás novas xeracións gozar dun dos mellores xogos de Nintendo de todos os tempos.
Cómpre destacar que as 3D xogaban un papel moi importante á hora de enfrontarse a títulos como Pilotwings ou Kid Icarus, que ao amosar imaxes de voo transmitían unha sensación de profundidade impresionante (o que tamén pasaba na demostración do Starfox 64 adaptado á 3DS); os xogos de condución, pese a estar limitados á pequena pantalla da portátil, conseguían certa sensación inmersiva moi enriquecedora; o Pro Evolution Soccer 3DS non destacaba precisamente polo seu uso das 3D, senón polo feito de acadar un nivel gráfico máis propio dunha PSP que dunha consola portátil de Nintendo, polo que os seareiros deste xogo de fútbol estarán encantados de poder levar no peto esta fonte de diversión; Resident Evil: The Mercenaries 3D demostraba que os xogos de tiros funcionan realmente ben na nova consola, o que pode contribuír a que certo público habitualmente alleo ás consolas portátiles decidan darlle unha oportunidade á 3DS; e incluso os títulos de loita poñían a proba non só as 3D, senón tamén o sistema de control da consola, que aproba o exame, de xeito que tanto o Dead or Alive: Dimensions coma o Super Street Fighter IV: 3D Edition podían manexarse con fluidez, resultando doado realizar combos, deixando claro que o stick analóxico da 3DS é considerablemente máis cómodo que o da PSP de Sony. Resulta curioso o feito de que o Street Fighter IV para 3DS conserve unha mecánica de xogo 2D e á vez sexa un dos que ten un uso das 3D que poida sorprender máis por inesperado, xa que os marcadores e os textos do xogo aparecen nun primeirísimo plano, mentres que os fondos teñen unha profundidade que, pese a estar presente nas súas versións para consolas domésticas, non destacaban como fai nesta entrega.
Entre os presentes había consenso en que a experiencia 3D era moi boa, aínda que non todas as persoas valoraban de igual xeito a barra de deslizamento que permite axustar o efecto de profundidade (e mesmo desactivalo), polo que para a meirande parte do público o efecto podía gozarse sen realizar ningún axuste, mentres que algunhas persoas tiñan que suavizalo lixeiramente.
Tras dúas horas probando distintos xogos en 3D a xente tampouco experimentou molestias ou mareos, polo que parece que os consellos que fan dende Nintendo sobre os descansos que debemos tomar no uso da consola son os mesmos que xa estaban presentes na Wii e outras plataformas de videoxogos, ou sexa, que non parecen atender a efectos nocivos da tecnoloxía que emprega a pantalla da 3DS senón a unha mera recomendación dun uso moderado dos videoxogos.
O que non permitiu o evento foi experimentar das posibilidades sociais e de rede que vai permitir a 3DS, pois deberemos agardar ao seu lanzamento o vindeiro día 25 para poder espremer tales prestación no mundo real, e que posiblemente cheguen a ter unha repercusión máis importante que a pantalla 3D sen lentes da nova portátil, mudando o xeito de entender este tipo de dispositivos, que cada vez teñen máis funcionalidades.
Presentan en Madrid a nova consola portátil Nintendo 3DS
Compartir Este Artigo

