A Asociación Xeral de Consumidores, ASGECO CONFEDERACIÓN, celebrou onte o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor publicando un informe que dá conta de tódalas reclamacións e consultas que recibiu ao longo de 2010, e que “supuxeron un incremento do 11,89 por cento respecto ás do 2009”.
Un ano máis, os sectores de transporte, telecomunicacións e vivenda copan a meirande parte das consultas e reclamacións xestionadas en 2010 por esta entidade; para sermos máis precisos, o transporte aéreo e a telefonía móbil, supuxeron preto do 30 por cento de todas as reclamacions xestionadas por ASGECO, que ascenderon a preto de 40.000.
En total, esta entidade que vela pola protección e defensa dos consumidores españois, xestionou 124.190 consultas e 37.476 reclamacións en 2010, das cales, 28.675 pertencen ao ámbito da telefonía, e o resto refírense aos sectores da vivenda, do transporte, dos servizos financieiros e da sanidade.
O sector das telecomunicacións e o transporte aéreo non só destacan por ser os que máis reclamacións reciben case tódolos anos, senón tamén que son os que máis provocan a indefensión dos usuarios e usuarias ante os deficientes servizos de atención ao cliente que prestan as compañías.
As cifras recadadas ao longo do pasado ano, permítenlle a ASGECO “orientar as súas accións e avanzar nas liñas de actuación máis pertinentes de cara a mellorar os dereitos dos consumidores” e asemade, deberían servir para poñer sobre aviso ás Administracións competentes nunha verdadeira política de protección e defensa dos consumidores españois.
A telefonía móbil recuncou en 2010 á cabeza dos sectores con máis queixas
Compartir Este Artigo

