Levar as novas tecnoloxías ao ámbito da educación e modernizar o sistema o máximo posible para adaptalo aos requerimentos de Europa, é xa unha prioridade para tódalas universidades do país, porén as máis das veces, a falta de presuposto fai que estas accións se ralenticen e os obxectivos tarden algo máis do normal en acadarse.
A Universidade de Vigo, da man da Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, vai achegar ata 24.000 euros para apoiar “proxectos encamiñados ao deseño e implantación de accións de innovación educativa na docencia”, e adaptarse así ao novo EEES.
Esta Universidade, que xa leva varios anos poñendo a disposición da comunidade universitaria diferentes ferramentas e accións para apostar pola innovación no ensino, vai desenvolver agora o Programa soporte para o desenvolvemento e implantación de acción de innovación educativa, que vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes.
A finalidade desta primeira edición é, segundo apuntan dende o DUVI, “fomentar a aplicación práctica das innovacións desenvolvidas e a súa transferencia non só á docencia do profesorado involucrado directamente, senón tamén ao de toda a Universidade”.
Entre as accións innovadoras que se poderán levar a cabo no marco desta convocatoria destaca o deseño e implantación de novas técnicas didácticas; o uso de novas tecnoloxías e deseño da súa aplicacións prácticas; o deseño e desenvolvemento de contidos innovadores en formatos dixitais ou o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas para ámbitos específicos; así como o deseño de novas metodoloxías adaptadas ao EEES.
Segundo apuntan dende a entidade académica, a esta convocatoria poderá concorrer “todo o profesorado que teña vinculación permanente coa Universidade”, os cales, “deberán presentar unha memoria do proxecto tendo en conta parámetros como motivación e necesidade da acción, os seus obxectivos, a metodoloxía, o plan de traballo, o orzamento e a implantación práctica na docencia”.
A Universidade de Vigo aposta pola innovación educativa
Compartir Este Artigo

