Arredor de dúas ducias de profesionais da publicidade e as novas tecnoloxías aplicadas á promoción comercial déronse cita esta semana no Polígono do Tambre de Santiago, nas instalacións da firma FOGA, para coñecer de primeira man os recursos e servizos desenvolvidos pola multinacional Samsung no eido da cartelería dixital. Máis en detalle, os empresarios galegos tiveron ocasión de afondar nas vantaxes e funcionalidades dos novos medidores de audiencias da compañía, uns dispositivos que a través dun emprazamento estratéxico sobre os monitores e das máis innovadoras tecnoloxías de seguimento, é quen de recoñecer determinadas características das persoas que están perante a pantalla nun intre concreto, como por exemplo a idade ou o sexo, adaptando logo toda esa información para achegar un tipo concreto de contido.
Segundo lles fixo saber FOGA aos asistentes, “trátase dunha solución axeitada para darlle a calquera negocio unha feitura diferenciada que capte a atención do público, interactuando e transmitindo á perfección a mensaxe que se queira facer chegar”.
Xa nun eido máis concreto, a empresa con sede en Santiago subliñou o elevado potencial da interactividade dixital na publicidade de hoxe, non só polo atractivo destas solucións para incrementar a pegada de calquera evento, senón tamén para mellorar a capacidade de xerar ingresos dos seus usuarios potenciais. As tecnoloxías amosadas na sede da empresa galega (especializada en reprografía, solucións informáticas e redes) achegan importantes funcionalidades para eventos multitudinarios de todo tipo, aplicables tanto a salas de recepción como a recintos de convencións. A clave, sinalaron os profesionais de FOGA, está na innovación, na inventiva e, neste caso concreto, en tirar o máximo proveito das novas tecnoloxías, recursos e canles audiovisuais de última xeración, incluída a aplicación de 3D e interactividade.
Dúas ducias de profesionais coñeceron en Santiago as tecnoloxías de Samsung en cartelería dixital
Compartir Este Artigo
