
Na constitución do equipo humano que vai coordinar as accións de AMETIC-Galicia participaron Rafael Valcarce (Arteixo Telecom) e José Ramón García (Blusens), ata o de agora presidentes de AETIC Galicia e ASIMELEC Galicia, respectivamente.
Á xuntanza tamén asistiron Gonzalo Caro, director adxunto á Presidencia de AMETIC España e Silvia Blanco, adxunta á dirección do ente en Catalunya, e representantes das principais empresas do sector na nosa terra, integradas nesta nova asociación resultante, “sen dúbida nestes intres a máis importante de España”, recalcaron os implicados na reunión.
Polo que respecta á devandita xunta directiva galega, o organigrama quedou deste xeito: como presidente do Consello Territorial de AMETIC en Galicia, a asemblea elixiu a Rafael Valcarce, máximo dirixente (á súa vez) de Arteixo Telecom; no que atinxe á vicepresidencia, o posto será ocupado por Ramón María Lois, director de Relacións Institucionais de Televés, sendo Gerardo García Alvela, director xeral de Itelsis, elixido secretario de AMETIC Galicia.
O novo presidente da división galega da patronal española, que é tamén o actual responsable principal do Cluster TIC Galicia, cualificou de moi positivo este proceso de unión de asociacións, “que vai permitir potenciar as sinerxías de ámbalas dúas e fortalecer as actividades mentres se racionalizan os eventos e responsabilidades compartidas”.
O Consello Territorial de AMETIC en Galicia está formado por 25 entidades, das que tres son asociacións: Ageinte, Agestic e Ineo, e 22 son empresas: Accenture, AIG (Asesoría Informática Galega), Arteixo Telecom, Atos Origin, Blu:sens, Egatel, Elogos, Ericsson, Esaly Bezel, Everis, Grupo Femxa, IBM, IECI, Itelsis, Microsoft Ibérica, Oesía, R Cable e Telecomunicacións de Galicia, Tecnocom, Telefónica España, Televés, Telvent e Vodafone.
Formalizada a nova directiva de AMETIC-Galicia, con Rafael Valcarce na presidencia
Compartir Este Artigo
