O día a día dun galego falante é un mundo por descubrir, e hai tantos como galegos se moven por esta terra, e por outras máis afastadas. Co obxectivo de botar unha ollada ás circunstancias positivas e negativas que ten que roer unha persoa que teime en falar na lingua da terra na que vive, a plataforma GalegoLab convocou o certame 24 horas galego fullscreen, un concurso de curtametraxes dirixido a dar voz a tódalas persoas que quixeran compartir as súas experiencias coa lingua. Pois ben, segundo informa GalegoLab (que, por certo, está nomeada aos Premios Mestre Mateo na categoría de obra interactiva), xa hai gañador do concurso en liña. Trátase de Roberto Conde, que se impuxo coa peza Co galego… ata o inferno, un vídeo que xa podemos ver en eufalo.tv e que representa, entre outras moitas cousas, os problemas de comunicación aos que nos podemos ver sometidos en determinadas situacións.
Como por exemplo entrevistas de traballo (nas que se nos pide ás veces que deixemos de lado a lingua nai) ou hipotéticas entradas no paraíso celestial (que no vídeo semella un espazo kafkiano onde pobre do que se poña a falar algo distinto da norma).
Segundo informa GalegoLab, o galardón inclúe unha contía en metálico de 300 euros, cantidade que foi posible recadar en Internet grazas en boa medida ás canles de colaboración e participación que propón a propia GalegoLab, con cada un dos integrantes da comunidade en liña achegando o seu gran de area, facendo propostas para novas iniciativas de promoción do galego ou votando as que xa se puxeron en marcha. O encargado de outorgar este recoñecemento a Roberto Conde foi un xurado que formaron a actriz María Bouzas, o tamén actor e presidente da Academia Galega do Audiovisual Xosé Manuel Olveira, “Pico”, e a produtora Emma Lustres, de Vaca Films.
“Mais a colaboración dos usuarios non rematou aí”, engade GalegoLab, “xa que houbo igualmente quen se encargou de deseñar un cartel, que outros imprimiron e pegaron para promover o evento, ao que cómpre engadir os voluntarios que formaron un xurado popular”. Este entregou como galardón un cartel de GalegoLab deseñado por Antón Patiño, que recaeu igualmente en Co galego… ata o inferno.
O certame en liña para recrear as 24 horas dun galegofalante xa ten gañador
Compartir Este Artigo
