Tras os éxitos acadados cos seus xogos Battle of Puppets e World of Popus, o estudo lugués de videoxogos Small Wonders estrea na App Store a un prezo de 1,59 euros YumYumBoy. Este novo título para iPhone e iPod Touch consiste en controlar a un neno larpeiro que gusta da comida lixo pero ao que a súa nai quere alimentar de xeito saudable, de xeito que deberemos papar todo o que poidamos evitando as verduras que lanza a nai de YumYum.
YumYumBoy mestura unha mecánica de xogo arcade coa resolución de quebracabezas ao longo de 8 escenarios, nos que aparecen 4 tipos de comidas, 8 tipos de elementos especiais e 6 tipos de maxias especiais. Ten 3 modos de xogo (historia, quebracabezas e lambonería), 40 niveis no seu modo historia e 40 quebracabezas diferentes.
Os afeccionados á animación xaponesa tamén agradecerán certos divertidos detalles do xogo, como que o protagonista poida disfrazarse de Mazinger Z ou converterse en superguerreiro coma Son Goku, como podemos ver no seu trailer:
Small Wonders lanza o seu 3º xogo para iPhone
Compartir Este Artigo

