
A maior parte dos proxectos, máis dun terzo, insírense no eido das solucións ligadas á historia clínica electrónica ou ao deseño de sistemas de información para a xestión sanitaria. Con todo, tamén hai unha importante presenza de proxectos de consulta, atención e diagnóstico a distancia (telemediciña, teleasistecia e telemonitorización de pacientes).
Entre as conclusións que se tiran deste labor de reconto, inclúese a seguinte: temos potencial de abondo para impulsar grandes iniciativas que melloren a calidade dos servizos sanitarios e faciliten a súa substentabilidade.
O mapa foi presentado este luns pola secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla e o director xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Manuel Varela. Xuntos coincidiron en que o aliñamento dos plans estratéxicos que lidera cada un dos departamentos que representan (Axenda Dixital de Galicia, o I2C, e a Estratexia do Sergas) redundará nun importante pulo á calidade dos servizos públicos a través do desenvolvemento tecnolóxico. Haberá tres eixes de actuación: – Deseño das tecnoloxías precisas para o futuro definindo a demanda tecnolóxica de xeito anticipado. – Orientación das políticas de financiamento da Xunta cara as necesidades de futuro “apoiando aos diferentes axentes na captación de investimento externo”. – Posta en marcha de accións dirixidas a levar a investigación ao mercado.
A maiores do devandito, o Mapa identifica 16 grupos de investigación, repartidos entre as tres universidades galegas; tres centros tecnolóxicos: Gradiant, CESGA e CITIC; e as empresas, un total de 24 das que 16 son pequenas e medianas empresas (pemes) e 8 grandes empresas. “Cómpre destacar que os grupos de investigación do ámbito sociosanitario representan arredor dun 20% do total de grupos de investigación e o persoal que os integra supón preto do 30% do persoal galego en tecnoloxía”, sinalou Modernización. Amais das conclusións citadas, o catálogo achega outras valoracións de interese. Para a Xunta, é importante ter en conta que detrás deste potencial está entre outras cousas o apoio financeiro do Goberno Galego. “En 2009”, informa, “a Xunta subvencionou 15 proxectos tecnolóxicos do ámbito sociosanitario que mobilizaron un importe de 2,3 millóns de euros; en 2010 foron 19 as iniciativas subvencionadas que suman un orzamento total de 5,5 millóns de euros entre capital público e privado”.
As análises do noso potencial tecnolóxico no eido sociosanitario achegan bos agoiros
Compartir Este Artigo
