Aínda non pechamos o mes de marzo, e o Concello de Brión xa vén de anunciar a súa oferta formativa para o segundo trimestre deste ano, na que as TIC, como vén sendo habitual neste innovador Concello, volven a ser as protagonistas.
Deste xeito, a entidade pública anunciou que, entre maio e xuño, ofertará un total de catorce cursos formativos, dez dos cales están enmarcados no eido das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, polo que terán lugar no telecentro de comunicación brionés.
Os primeiros en realizarse serán os cursos de informática de usuario; un deles sobre Internet, de 20 horas de duración que terá lugar en abril, e dous máis de Access, de 40 horas de duración cada un. As persoas que teñan especial interese en realizar este último, poderán escoller entre ir de maneira presencial (en abril-maio) ou na modalidade a distancia (a celebrar en maio-xuño).
Tamén haberá dous horarios a elexir (sempre a fin de facilitar a asistencia do máximo número de persoas): un de mañá entre as 10:30 e as 12:30 e outro de tarde, entre as 20:00 e as 22:00 horas.
Asemade, os responsables da área de formación do concello coruñés, veñen de anunciar a celebración, entre os meses de maio e xuño, dun curso de Autocad 2D e de outros dous de fotografía, un de iniciación e outro de perfeccionamento; todos eles de 30 horas de duración.
A todos estes cursos haberá que engadir outros cinco obradoiros en novas tecnoloxías que, cunha duración de catro horas cada un, formarán ás persoas asistentes en actividades tan diversas e útiles para o día a día como poden ser a procura de emprego na Rede, o desenvolvemento de blogs predeseñados, o uso de mapas e localización online, o uso do correo electrónico ou a declaración da renda por Internet.
Todos eles terán lugar no mes de xuño, salvo o curso de Declaración da renda por Internet, que terá lugar en maio.
As TIC, protagonistas da nova oferta formativa do Concello de Brión
Compartir Este Artigo

