Os videoxogos non están libres de polémicas ante actos do que algúns poderían chamar censura, pero que normalmente corresponde ao cumprimento de certas regras de mercado, como vén de pasar co xogo Dead Island, que tivo que mudar o seu logotipo a petición da ESRB, entidade encargada do sistema de cualificacións nos EE.UU., por amosar no mesmo a un home aforcado dunha palmeira, que rematou sendo substituído por un morto vivente.
Ao parecer o regulador asegurou que non censuran os xogos, senón que advirten de contidos non apropiados de publicarse na promoción dos xogos, o que tamén inclúe ás súas cubertas, que incluso nos xogos destinados a un público adulto deben de cinguirse a certos lindes por poder ser vistas por un público máis amplo ao que van dirixidos os produtos.
Pero non é o único asunto que está a causar certa polémica estes días, senón que un vídeo promocional do novo xogo de tenis Top Spin 4 tamén está a dar que falar por amosar a Serela Williams (a tenista máis atractiva do mundo segundo o anuncio) e Rileah Vanderbilt (a xogadora de tenis máis atractiva) xogando ao novo título de 2K Sports dun xeito excesivamente suxestivo, que dificilmente emitirían en canles de televisión norteamericanos, pero que debidamente filtrado á Rede pode valer moita publicidade de balde, xa que o feito de que esa peza chegarse á web sen o consentimento da editora do xogo resulta difícil de crer (xa que estamos ante unha montaxe de demasiada calidade como para ser unha simple proba descartada).
O anuncio de Top Spin 4 filtrado á Rede
Polémicas ao redor dos contidos para adultos na promoción de videoxogos
Compartir Este Artigo

