Así como os veciños e veciñas de Compostela sacaron do roupeiro a roupa máis colorida e cómoda que tiñan para darlle a benvida á primavera, a emisora da capital galega Radio Obradoiro, do Grupo Correo Gallego, fixo o propio coa súa web, e vén de redeseñala para facela máis atractiva e funcional.
Así nos informa o Correo Gallego de hoxe, onde apuntan que Radioobradoiro.com, conta agora “con novos contidos e un deseño máis cómodo e áxil para os internautas”.
A primeira vista a páxina semella estar dividida en tres bloques verticais, nos que se diferencian as novas do día, a programación da cadea e as galerías gráficas, entre outros contidos. O obxectivo desta estrutura é, “que os internautas poidan navegar por elas sen perderse, e accedan de maneira doada aos contidos que lles interesan”, aseguran.
Na cabeceira mantéñense as ligazóns directas aos outros soportes pertencentes ao grupo de comunicación, e tamén a icona da emisión online, que permite escoitar a radio por Internet e que segundo informan, “segue a gañar adeptos”; “Gracias á mesma”, engaden, “Radio Obradoiro escóitase cada vez máis en distintos puntos da península como Madrid, Asturias, Bilbao, Vitoria, Barcelona, Valencia ou Sevilla, así como en Canarias e Baleares”.
A nova web tamén permite obter información detallada sobre os programas da emisora e escoitar as entrevistas que se realicen a través das súas ondas de maneira case inmediata.
Radio Obradoiro estrea web
Compartir Este Artigo

