A empresa galega Arteixo Telecom, da que falamos recentemente nesta web para dar conta do impulso que recibiu o seu proxecto para modernizar os eidos sociosanitario de do transporte, vén de formalizar unha importante incorporación ao seu equipo directivo, encamiñada a fortalecer o medre da produtividade e da internacionalización da compañía. Máis polo miúdo, trátase da incorporación de Gabriel González Vázquez, profesional cunha ampla experiencia en labores de responsabilidade nos ámbitos da construción e da industria naval, ao posto de director xerente da Unidade de Negocio de Contratación Industrial.
González Vázquez, que chega á empresa con sede nas Pontes nun intre decisivo para o seu medre internacional, asume o seu cometido como unha boa ocasión para contribuír á mellora da produtividade e do crecemento da dita Unidade de Negocio, ao seu xuízo “auténtico corazón da compañía, posto que é a responsable de toda a actividade fabril da mesma”.
Asemade, para o novo director xerente de Contratación Industrial está fóra de toda dúbida a calidade de produto que atesoura Arteixo Telecom, unha inmellorable base sobre a que traballar na procura da optimización da eficacia e do trato e a comunicación cos clientes, amais da captación doutros novos. Neste senso, a súa prioridade para o exercicio en curso será o afianzamento da actividade da compañía no mercado español, centrando os seus esforzos a partir de 2012 nunha “importante ofensiva” de procura de mercados en Europa, con Francia e Italia como centros de actividade prioritarios.
Gabriel González reforza coa súa experiencia a busca de novos mercados de Arteixo Telecom
Compartir Este Artigo
