A multinacional Siemens, especializada en tecnoloxía industrial (e con importantes ligazóns coa Universidade de Vigo), estivo os días pasados na Coruña para presentar unha nova plataforma de software fabril encamiñada a facer máis doados os procesos industriais dunha empresa, achegando unha plataforma único de control. Ou sexa, que o que se pretende con este novo recurso tecnolóxico é facilitar ao máximo a enxeñaría, o desenvolvemento, a posta en marcha, o manexo e o control de tódolos elementos dun sistema de automatización. A plataforma en cuestión, chamada TIA Portal (Totally Integrated Automation Portal) permitiría aforros nas empresas de ata nun 20%, segundo informou Siemens, aplicable aos labores de enxeñaría e desenvolvementos dos novos proxectos de automatización que se teñan programados.
Asemade, tamén se aplican importantes melloras na competitividade e no retorno do investimento, engade a firma.
Nun plano máis concreto e para entrar en materia, a principal utilidade da ferramenta radica na posibilidade de integrar diferentes aplicacións de software industrial para os procesos de produción nunha mesma interfaz, o que garante máis fluidez na aprendizaxe e na interconexión. A xuízo da firma alemá, con este tipo de recursos afástanse de xeito definitivo os tempos en que precisabamos operar cun amplo abano de ferramentas de moi variada orixe. Asemade, sinalou a multinacional, ás vantaxes devanditas cómpre engadir que a plataforma é accesible para calquera persoa, teña ou non experiencia nela. “TIA Portal”, comenta, “contén tódolos elementos precisos para o deseño e execución de procesos, desenvolvemento e execución de proxectos de automatización industrial de xeito intuitivo, ficando aberta á incorporación de novas funcionalidades segundo as necesidades concretas de cada aplicación”.
Siemens presentou na Coruña a súa nova plataforma de software industrial
Compartir Este Artigo
