A Xunta vén de facer reconto do acadado en 2010 no que se refire a uso da aplicación Lexnet para o envío de notificacións a distancia, vía dixital, entre axentes do eido xudicial. Pois ben, a plataforma xa foi obxecto de 285.000 tramitacións telemáticas, segundo manifesta o Goberno galego, feitas baixo criterios absolutos de seguridade e coa vantaxe, entre outras, de dar acubillo á sinatura dixital, tecnoloxía de certificación de identidades que constitúe un dos alicerces básicos da eAdministración. A estes beneficios que achega Lexnet cómpre engadir que reduce os tempos de tramitación e resposta e contribúe, por basearse en tecnoloxía de comunicación dixital, a suprimir o papel deste tipo de operacións.
Por certo que nada indica que Lexnet se trate dunha novidade temporal. Segundo engade a Xunta, nos dous primeiros meses de 2011 a cantidade de operacións levadas a cabo na plataforma abrangueron o 41% do total das formalizadas en 2010. Lexnet, que xa está habilitada e en uso en 104 órganos xudiciais da Coruña, integrarase estes días no xulgados de Primeira Instancia de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense. O obxectivo é rematar 2011 cunha implantación completa en todo o tecido xudicial galego. Sobre o miolo de Lexnet, dicir que se accede á plataforma a través dun certificado dixital que garante a autentificación do usuario, sendo o seu funcionamento semellante ao do correo electrónico, pero asegurando que o emisor dos datos é quen di ser. Do mesmo xeito, só receptor da documentación pode ter acceso a ela.
A nosa terra deu acubillo a máis de 285.000 notificacións telemáticas seguras entre axentes da xustiza
Compartir Este Artigo
