Se onte falabamos nesta mesma web da posta en marcha dun encontro na Illa de San Simón para atopar novos vieiros de traballo, eficaces e diferenciadores, para os xornalistas na nova Rede (o evento #NeThinking) agora toca falar dunha cuestión que vai por semellantes camiños. Trataríase do desenvolvemento dun campus virtual para comunicadores, un espazo de traballo e formación continua, non presencial, que servise para non deixar ren das posibilidades xornalísticas e laborais da Rede 2.0 por rastrexar. O proxecto, como indica estes días GaliciaHoxe, vén da man da FAPE, a Federación de Asociacións de Xornalistas de España.
Por certo que a iniciativa está en marcha e operativa dende onte, á vista de quen queira vela e empregala como unha plataforma de formación de redactores e de outros profesionais do sector, achegando máis ou menos propio que un campus de nova feitura: cursos, bolsas, masters (en xornalismo dixital, 2.0, comunicación corporativa, etc). En total, son máis de 40 iniciativas de ensinanza ás que dá acubillo, constituíndose case con toda probabilidade como a primeira plataforma destas características que, de xeito específico, se centra en achegar recursos formativos á devandita profesión. O novo portal é froito dun traballo conxunto entre a FAPE e a empresa consultora Editrain.
En marcha unha universidade en liña para axudar aos xornalistas no camiño das 2.0
Compartir Este Artigo
