Tal día coma hoxe (1 de abril) celébrase o Día dos inocentes en moitos países de fala non hispana do mundo (April Fools Day en EE.UU. e Inglaterra; Día da mentira en Brasil ou Le Poisson d´Avril en Francia) onde está permitido facer bromas tales como as que facemos nos aquí o 28 de decembro polo que hai que ter moito coidado cos comunicados que chegan ás redaccións dos medios de comunicación.
Porén da web Sello Movistar, a nova ferramenta ideada pola discográfica para dar a coñecer aos novos talentos musicais, malia que semelle ser boa de máis para ser certa, podemos fiarnos con toda seguridade pois xa foi lanzada o pasado 4 de marzo.
Trátase dun espazo online que lle serve de soporte de comunicación aos grupos do Selo Movistar e tamén “para lanzar as carreiras de mozos promesas no mundo da musica”, afirman.
Máis polo miúdo, Movistar asegura que “todo aquel que desexe inscribirse e demostrar a súa valía xa pode facelo rexistrándose e creando o seu perfil”; e engade que “a web é unha plataforma de luxo e un trampolín inigualable para lanzar as carreiras dos talentos emerxentes”.
De luxo ou non, o certo é que tanto os grupos musicais con certa traxectoria profesional como todos aqueles afeccionados que o desexen, poderán participar neste espazo colgando os seus temas, fotografías, vídeos ou ligazóns, e dar a coñecer o seu traballo entre profesionais do sector e entre posibles fans e seareiros.
Por outra banda, o espazo tamén permite que as persoas que o desexen poidan rexistrarse e escoitar a música “das futuras estrelas” facéndose fan dos seus grupos e votando as súas cancións.
De todas as votacións recibidas, a entidade irá compoñendo un ranking que, segundo afirman, “nun futuro axudará a seleccionar un terceiro grupo para o Sello Movistar que acompañe a Radgod e 84”.
Movistar busca na Rede novos talentos musicais para o seu selo discográfico
Compartir Este Artigo

