Socialmedia Network, entidade centrada en solucións sociais (2.0) para as empresas, informará polo miúdo en Santiago e Vigo das últimas novidades de promoción e comunicación corporativa no eido das redes participativas. As citas, con capacidade cada unha para uns 15 profesionais, serán o 20 de maio na primeira cidade e o 10 de xuño na segunda.
Socialmedia Network, colectivo galego de expertos nas funcionalidades e perspectivas da nova Internet, basea estas e outras actividades programadas nunha necesidade de primeira orde para as nosas empresas: a de ser visibles a través da Rede. A xuízo desta plataforma, este proceso a día de hoxe pasa de xeito inevitable pola socialización dixital.
Os seminarios en cuestión irán dirixidos pois a aquelas persoas que a nivel persoal ou profesional queiran acadar visibilidade na Internet, máis polo miúdo nas redes sociais 2.0. Para isto, amosaráselles en detalle o novo contorno da Internet participativa e as ferramentas que ofrece. Asemade, avaliarase a marca persoal que atesoura cada unha e expoñeranse perante os asistentes estratexias de promoción social orientadas a conseguir vender mellor a propia marca. Outro dos temas a tratar nestes seminarios será a xestión da reputación en liña e a monotorización da marca 2.0. Dito doutro xeito: exporanse medios para facer un diagnóstico do que se pode dicir de nós na Rede, poñendo en xogo recursos para acadar unha pegada positiva. O seminario impártese a grupos reducidos de 15 persoas, cunha duración de 5 horas, en horario (en ámbolos dous casos) de 16.00 a 21.00 horas. A través da web da plataforma ofrécense os recursos precisos para formalizar a inscrición.
Santiago e Vigo acollerán dous seminarios sobre o potencial das redes sociais en materia de promoción
Compartir Este Artigo
