A comunidade internauta galega non admite xa desprezos. E está ben que así sexa. Pasou coa concursante de Gran Hermano que botaba contra o seu malia ser da nosa terra, pasou recentemente con Ikea (que chegou apostando só polo castelán e ante as queixas decidiu publicar catálogos en galego) e volve acontecer agora co centro comercial Marineda City, de vindeira apertura na Coruña. Segundo se conta en Galicia Hoxe, a Rede é estes días un fervedoiro de protestas contra a estratexia de comunicación deste complexo, que non só exclúe á nosa lingua da súa páxina web e dos seus anuncios, senón que se permite facer brincadeiras cos nosos supostos complexos como pobo. De feito, na promoción inclúese un xogo cos dous significados de “complexo”, que como saberemos tamén alude a recinto ou superficie empresarial ou comercial.
Sen dúbida quen está a liderar estas protestas na Web é a plataforma Prolingua, que perante a vaga de desprezos decidiu contestarlle deste xeito á empresa: “Se pensan que a imaxe de modernidade e a lingua deste país son incompatibles, máis ca unha boa estratexia de publicidade precisan terapia nun centro de ensino medio”. A campaña de marketing foi polémica dende o comezo, e así se reflectiu nas redes sociais, onde cobra cada vez máis importancia, tanto no Twitter como no Facebook, onde se lle deu corpo a unha proposta de envío masivo de queixas a Marineda City, proposta que xa reflectiron os internautas en Chuza! cun número importante de seguimentos e votos directos. Pódese contactar co centro comercial a través dun formulario ou ben escribirlle un mail directo á seguinte conta de correo: comunicacion@marinedacity.es.
Un dos anuncios televisivos de Marineda City
Campaña na Rede para que Marineda City deixe de excluír ao galego
Compartir Este Artigo
