Hoxe chegou á App Store a aplicación universal (válida tanto para iPhone/iPod Touch como para iPad) Atari’s Greatest Hits, que pode descargarse de balde, abrindo o acceso a paquetes descargables de clásicos videoxogos de Atari, que poden adquirirse de 4 en 4 por 0,79 euros, ou en total por 11,99 euros, o que podería considerarse unha ganga por tratarse dun total de 99 videoxogos que, aínda que tecnicamente están obsoletos, conservan a xogabilidade que os levou a conquistar fogares e salóns recreativos durante os primeiros anos da industria dos videoxogos.
A nova aplicación para iOS permite descargar 18 xogos de recreativa de Atari (incluíndo PONG de balde) e 92 xogos para a consola Atari 2600. En títulos como PONG, Warlords e outros é posible xogar partidas entre varios usuarios enlazando os seus dispositivos de Apple por Bluetooth. Para enriquecer a experiencia, tamén é posible ver os deseños orixinais das recreativas e das caixas dos distintos xogos, o que contribúe enormemente á experiencia nostálxica de achegarse aos clásicos dunha empresa pioneira no lecer electrónico.
Podemos ver a aplicación en funcionamento nun completo vídeo que publican en TouchArcade:
Os videoxogos clásicos de Atari adáptanse a iPhone e iPad
Compartir Este Artigo

