Segundo podemos ler no Diario da Universidade de Vigo (DUVI), “un estudo da Universidade Complutense realizado entre 1200 alumnos e alumnas amosa que fronte ao 30 por cento que aspira a ser funcionario, tan só o 8 por cento do alumnado mostra interese polo mundo empresarial”.
As verbas extráense dunha nova redactada con motivo da celebración do Programa Ideas Emprendedoras con Valor, organizado pola devandita entidade académica e BIC-Galicia en Vigo, que demostra maxistralmente a falta de iniciativa e de cultura emprendedora que hai no noso país.
Precisamente co obxectivo de fomentar esta cultura empresarial entre os mozos e mozas asistentes, a Universidade de Vigo, ao abeiro da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendores, trouxo como relator convidado, entre outros, a Iago Soto, titulado en Enxeñaría de Telecomunicación e socio fundador de Quobis, que na súa intervención apuntou a “falta de cartos, de tempo, de apoio na contorna e de contactos”, como os principais atrancos que atopan no noso país os novos empresarios con ideas creativas.
Soto, que foi o encargado de inaugurar o seminario, conta con sobrada experiencia na contorna empresarial e son moitos os éxitos que colleitou con Quobis, porén o seu recoñecemento non chegou de boas a primeiras e tivo que levantarse despois de caer en varias ocasións con distintas ideas empresariais.
E se tal e como dí o conto, “o que non te mata faite máis forte”, o socio fundador de Quobis levantouse como o Fénix das súas cinzas e con perseverancia levantou a que é hoxe unha das empresas tecnolóxicas máis importantes do mercado español, que malia á crise, pechou o 2010 cun crecemento alto na súa cifra de negocios.
Agora, logo de preto de cinco anos ao mando de Quobis, Soto fala de barreiras e de importantes atrancos que atopou nos seus inicios, porén “con perseverancia” (e coa axuda de entidades como o IGAPE), logrou reunir os cartos suficientes para fundar a súa propia empresa de tecnoloxías emerxentes da comunicación.
Unha vez desmontado o mito dos “cartos”, Iago Soto, que admitiu que “España non era a contorna máis ideal para montar unha empresa”, foi demostrando ao longo da súa intervención que “se non se teme correr riscos”, o do tempo, o apoio e os contactos veñen sós.
Para este ano 2011, Quobis vai apostar por ter presenza na totalidade do seu mercado obxectivo en España e Portugal, así como iniciar actividade comercial en catro países de Latinoamérica.
Iago Soto revela en Vigo as claves do éxito empresarial de Quobis
Compartir Este Artigo

