Que a PlayStation Network leve fóra de liña dende a tarde do pasado día 20 xa é unha nova bastante negativa, que vén de empeorar polo feito de que Sony non está a dar explicacións detalladas sobre o incidente, néganse a dar unha data de restablecemento do servizo e confirman que os datos dos seus usuarios quedaron comprometidos, de xeito que os responsables da intrusión aos servidores da compañía nipona puideron acceder a datos como o nome, enderezo, e-mail, data de nacemento, contrasinal, preguntas de seguridade, identificadores de PSN e mesmo o número da tarxeta de crédito (agás o código de seguridade) e a súa data de seguridade.
Toda esta información supostamente subtraída podería empregarse para roubo de identidade e distintos fraudes, e como solución dende Sony limítanse a aconsellar prudencia con posibles estafas por correo electrónico ou teléfono, á vez que se revise con frecuencia o saldo e movementos das contas bancarias.
Despois de case unha semana aínda están a analizar o acontecido, e ata que remate a investigación non volverán a restablecer o servizo. Para esa labor Sony contratou a unha compañía de seguridade externa, e esperemos que pronto poida saberse se realmente houbo un roubo masivo de datos, pois de ser así a responsabilidade de Sony iría máis aló de recomendar prudencia aos seus usuarios e asegurar que van «proceder agresivamente para atopar aos responsables».
Mentres, os millóns de usuarios da PlayStation 3 non só non poden xogar en liña a moitos dos seus xogos, senón que tamén teñen dificultades para gozar de moitos títulos para xogar en local (pois empregan a PlayStation Network para facer verificacións de seguridade ou sincronizar trofeos). Tamén as desenvolvedoras de xogos están a ter problemas por mor da incidencia, dando a impresión de que a principal beneficiaria desta situación é Microsoft, pois a súa plataforma de xogos en liña é moito máis robusta, e está a operar con total normalidade, experimentando un incremento de uso na última semana, o que tamén podería contribuír a un incremento de vendas da Xbox 360, xa que os usuarios poden desconfiar de Sony para xogar en liña tras esta desfeita.
Sony recoñece que os datos dos usuarios de PSN víronse comprometidos
Compartir Este Artigo

