A empresa galega Sadtata, da que falamos estes días para informar da súa viaxe a México para establecer alianzas e colaboracións tecnolóxico-empresariais, está a impulsar unha liña de traballo dirixida a mellorar, pola vía das novas ferramentas, o coidado dos nosos cativos. Máis polo miúdo, informa a compañía con sede na Coruña, trátase dunha serie de solucións para favorecer a localización dos nenos a través dunha tecnoloxía eficaz que sexa quen de encher os baleiros de cobertura que achegan recursos previos, como por exemplo o GPS, unha solución “desaconsellable onde se concentran grandes moreas de xente”, engade a empresa.
A resposta a isto, engade, atópase en recursos máis axeitados como Zigbee ou o RFID activo. Unha das vantaxes do primeiro é que rebaixa os custes de hardware e amplía a marxe de manobra dos profesionais que traballen sobre esta tecnoloxía. No caso de Satdata, permítelle ao equipo de I+D executar con garantías o proceso de certificación do dispositivo, “que implica unha validación completa dos requisitos do nivel físico”. A estas vantaxes cómpre engadirlle un consumo baixo de enerxía e unha meirande autonomía.
Outra das tecnoloxías na que se basea o traballo de Satdata é RFID activo, uns recursos que principalmente se teñen empregado no seguimento de produtos nas empresas e no eido concreto da trazabilidade, e que ten moito potencial para a localización de persoas na súa versión activa, xa que a pasiva precisa dun achegamento á persoa que se busca, que é precisamente o que se procura dende a orixe. Este tipo de RFID dispón dun rango maior, 500 metros, e permite dar conta da localización exacta de aparellos móbiles en espazos interiores.
Satdata informa do seu traballo en sistemas de localización para cativos
Compartir Este Artigo
