Moitas veces, entablar unha conversa cunha persoa altamente cualificada ou experta nalgún tema moi técnico, conleva atopar atrancos serios na comunicación pois os coñecementos e a forma de expresarse dun e doutro non están ao mesmo nivel.
Esta tarefa aínda se complica moito máis se a conversa se ten que levar a cabo a través da Rede ou de dispositivos electrónicos, pois o feito de ter que transcribir as verbas con coherencia e cohesión convírtese nunha misión imposible para moitas persoas, sexa cal sexa o tema a tratar.
Para ensinar a transmitir coas palabras axeitadas os pensamentos e coñecementos complexos como os que se manexan no entorno universitario, a Universidade de Vigo vai organizar o curso de formación Mellora das técnicas de redacción de comunicacións e publicacións científicas, a desenvolver no Campus de Ourense.
As xornadas formativas, que terán entre o 6 e o 20 de xuño, teñen como obxectivos facer que as persoas asistentes aprendan a analizar diferentes tipos de textos, a elaborar textos científicos e técnicos e, en definitiva, a conseguir unha comunicación máis clara e eficaz, tanto a través dos medios electrónicos como no cara a cara cos seus intercomunicadores.
Segundo apuntan as docentes do curso, Inmaculada Anaya, Susana Rodríguez e Ángel Rodríguez, “a comunicación escrita é unha das competencias profesionais mellor valoradas e os docentes teñen certa inquedanza por mellorar neste aspecto”. Factor que hai que engadirlle ao feito de que “a comunicación escrita está a gañar terreo grazas ás novas tecnoloxías”.
Como adianto dos contidos do curso, algúns consellos para mellorar esta redacción son, segundo a profesora, “estruturar e xerarquizar ben os textos, empregar frases sinxelas e parágrafos curtos de ata 20 palabras. Coidar a imaxe visual, a coherencia, a claridade e a concisión dos documentos sería outra das súas recomendacións”. Por último, apunta, “hai que ter en conta sempre ao receptor, hai que acomodar o texto á persoa que vai ler ese documento”.
O curso dispón de 30 prazas e xa ten aberto o prazo de matriculación.
Curso na Universidade de Vigo para aprender a escribir ben en medios electrónicos
Compartir Este Artigo

