Proseguen na Facultade de Empresariais de Santiago as xornadas As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica, uns encontros que este mércores chegaron ao seu ecuador ofrecendo un exhaustivo exame do estado de saúde das nosas administracións (locais e autonómica) en materia de dixitalización de procesos coa cidadanía. Entre os relatorios deste segundo día das xornadas, que culminan o xoves 5 de maio no mesmo emprazamento, cómpre salientar o que ofreceu o director do CIXTEC, Mauro Fernández, quen aproveitou a oportunidade para amosar as vantaxes, funcións e operatividade do servizo de facturación electrónica da Xunta. Na súa intervención nas xornadas, que veñen da man do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernández salientou que o proceso de adhesión de empresas a este servizo non para de medrar (sendo en 2010 a porcentaxe de facturas electrónicas tramitadas pola Xunta do 20%) e que se está a traballar para aplicar este Sistema Electrónico de Facturación ás nosas administracións locais.
Co fin de poñer aos presentes ao tanto do funcionamento e obxectivos do servizo, informou de que se trata dunha adaptación a modelos tecnolóxicos e telemáticos máis innovadores e seguros das operacións de facturación tradicionais en formato papel, dende a Xunta cara aos seus provedores.
Para o director do CIXTEC, as vantaxes deste Sistema están a vista para tódolos implicados e non implicados. Para os provedores da Xunta, supón máis rapidez e eficacia na recepción dos pagos (cóbrase antes), ao que hai que engadir as vantaxes de manter contacto cunha administración que, grazas ao eido dixital, está aberta as 24 horas do día e non require desprazamentos para este tipo de xestións. Para a propia Xunta de Galicia, minimízanse os custes e optimízanse os recursos.
Amais de todo isto, e segundo fixo saber, o novo servizo repercute positivamente no aforro. Sen ir máis lonxe, e tendo en conta datos achegados hai unhas semanas pola Consellería de Facenda, as operacións tramitadas de xeito dixital en 2010 (11.306 dun total de 56.252) fixeron posible unha diminución do gasto de 37.700 euros. Abranguendo un panorama máis amplo, a factura electrónica, segundo datos do Goberno galego, achega anualmente un aforro de custes nas dez consellerías de algo máis de 187.500 euros.
Porén, e segundo fixo saber o director do CIXTEC, queda moito por facer. Sobre todo á hora de acadar unha meirande participación das empresas nesta nova orde de tramitación-comunicación, algunhas das cales (e non sempre as pequenas e medianas, senón tamén e sobre todo as grandes) aínda seguen a amosar desconfianza cara ao Servizo Electrónico de Facturación, “malia as probas achegadas sobre a súa comodidade, fiabilidade, rapidez e seguridade”. A isto ha que engadir un factor máis: a facilidade de uso. De feito, informou Mauro Fernández, durante o desenvolvemento do servizo fíxose especial fincapé en que fose doado de empregar e de que estivese ao alcance de calquera, tivera ou non amplos coñecementos de informática.
As xornadas do CPEIG, que culminaron este mércores cunha mesa redonda na que se avaliou polo miúdo a Administración Electrónica a nivel de cooperativas, prosegue este xoves con relatorios tan interesantes como o de Jesús Rubí, director xeral adxunto da Axencia Española de Protección de Datos. A continuación, achegamos o programa completo de actividades.
Programa do xoves 5 de maio
09.00h Relatorio
O réxime sancionador na LOPD
Jesús Rubí Navarrete
Adxunto ao director AEPD
10.10h Coloquio
10.30h Relatorio
Perspectivas para a implantación da Administración electrónica na
Xunta de Galicia
María José García Sexto
Subdirectora xeral da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Xunta de Galicia
11.40h Coloquio
12.00h Pausa-Café
12.30h Relatorio
A administración electrónica na Universidade
José Andrés Freire
Director Área TIC USC
13.40h Coloquio
14.00h Clausura das xornadas
Emilia Vázquez Rozas
Decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC
Mar Pereira Álvarez
Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica. Xunta de Galicia
Manuel Botana Agra
Catedrático de Dereito Mercantil. Director do CEECOOP da USC
Xoan Concheiro Aval
Subdirector xeral de Cooperativas e Economía Social. Xunta de Galicia
Fernando Suárez Lorenzo
Presidente do CPEIG
