Tal e como avanzamos onte, a sétima edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa foi dar a WikiLeaks, organización sen arela de lucro para a información independente, que recolleu este xoves o galardóns de mans do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. WikiLeaks, que tira partido da Rede e da liberdade de comunicación que esta pon en xogo para desvelar os comportamentos non éticos dos gobernos internacionais, estivo representada en Ferrol polo islandés Kristinn Hrafnsson, quen acudiu acompañado por Sarah Harrison, asesora de Julian Assange.
Durante a cerimonia de entrega do premio, que conta coa colaboración de Novacaixagalicia, Hrafnsson fixo saber que un dos méritos principais da súa plataforma está baseado na forma/feitura que adopta nas súas comunicacións. Este novo xeito de dar a coñecer segredos e documentos, baseado no uso das redes, “está a ser imitado xa por outros organismos e medios de comunicación, a nivel global ou rexional”, engadiu horas antes da cerimonia de entrega propiamente dita (no Teatro Jofre da cidade), nunha rolda de prensa desenvolvida no consistorio.
Alí tivo tempo para agradecer a concesión do recoñecemento por dúas razóns fundamentais: por ser un galardón que vén dos colegas xornalistas e, segundo, por ser unha homenaxe á memoria do profesional galego José Couso. Ao seu xuízo, a morte de Couso en Iraq ten que ser lembrada por tódolos comunicadores que traballan en eidos de guerra. E proseguiu: “Os cables publicados por El País e outros xornais europeos e norteamericanos, e que rebelaron información sobre este crime, foron importantes para nós”, continuou Hrafnsson, “porque contribuíron a reabrir o caso e porque poden axudar a resolvelo”. “O peche deste proceso non só será bo para a familia, senón tamén para os xornalistas que traballan en zonas de conflito e en xeral para toda a profesión”, engadiu.
Segundo informa o Colexio de Xornalistas galego, tamén tivo tempo para dar a súa opinión sobre a morte de Osama Bin Laden, asasinado os días pasados polo exército dos EE UU. Ao seu xuízo, hai sombras en todo o caso, sombras que se manifestan na non publicación de ningunha imaxe sobre o cadáver do líder de Al Qaeda. Asemade, tamén falou sobre os boicots e persecucións aos que está sendo sometida a súa organización, cun “exército de avogados” tras dela tentando atopar calquera proba de ilegalidade que xustifique un procedemento xudicial e o remate definitivo de WikiLeaks. Polo de agora, dixo, non o conseguiron, pero laiouse dos esforzos despregados neste senso, esforzos que sen dúbida puideron terse dedicado a outros obxectivos máis urxentes e necesarios para a calidade de vida e os dereitos fundamentais das persoas.
Kristinn Hrafnsson agradece o Premio José Couso en nome de WikiLeaks
Compartir Este Artigo
