
A actividade, que foi coordinada por Emilio Avilés (director xeral e fundador de TeCHmi e cofundador de Slash Mobility), serviu tamén para debater sobre a implantación das plataformas e tecnoloxías móbiles nas empresas e sobre o retorno do investimento que leva adxunto a inversión na mobilidade.
Xa noutro ámbito, dicir que o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática vai seguir organizando os días vindeiros máis actividades formativas relacionadas coa Sociedade do Coñecemento e as súas aplicacións na mellora do noso xeito de interrelacionármonos, administrativa, empresarial ou persoalmente. Para comezar, entre os días 10 e 12 de maio, o Colexio organiza en Santiago un Seminario sobre Informática Xudicial, Peritaxe Técnico e Proba Electrónica. Desenvolverase en horario de tarde, de 17 a 21 horas, e terá como gran obxectivo o de informar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial.
Os destinatarios do seminario serán xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e fiscais. A acción formativa desenvolverase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e será inaugurada, o vindeiro martes 10 de maio, polo director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, e polo presidente do CPETIG, Marcos Mata.
Entre os relatores que participarán nestas xornadas formativas destacan o avogado Victor Salgado Seguín, socio do Bufete Pintos&Salgado, ou o Xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil, Juan Salom Clotet.
Máis de 50 persoas participaron no curso sobre negocio na mobilidade organizado polo CPETIG
Compartir Este Artigo
