O Plan de Banda Larga 2010-2013, posto a andar pola Xunta de Galicia en febreiro do ano pasado para achegarlle Internet “ao 100% da poboación”, vén de facer o propio na comarca de Ortegal, onde preto de 2.000 persoas que carecían deste servizo, xa poden conectarse con normalidade á Rede dende os seus fogares.
Despois de 15 meses dende que Feijoo anunciara en Lugo a súa intención de cubrir todo o territorio galego con conexión a Internet, as actuacións do Plan chegaron a esta comarca coruñesa, concretamente aos núcleos de As Felgosas, Porto do Barqueiro e Ortigueira, onde se ofrece este servizo a través de fibra óptica.
Os preto de 2.000 habitantes residentes nestes núcleos representan o 25% da poboación de toda a comarca, e dispoñen agora de servizos de banda larga de, como mínimo, 6 Mbps.
A previsión é, segundo afirman dende o Executivo, “que no 2013 a comarca de Ortegal acade unha porcentaxe de máis do 90% de cobertura, fronte ao 48% existente antes do comezo do plan, e do 61,42% existente na actualidade”.
Tamén dende o Executivo afirman que, agás no Caso do Concello de Cariño que conta cunha cobertura de preto do 90%, no resto dos municipios a previsión do Plan é “incrementar no 2013 a porcentaxe de poboación con acceso a Internet en máis dun 50 por cento, chegando incluso a un aumento de máis do 65 por cento no caso de Mañón”. Así en Cerdido, Mañón e Ortigueira a cobertura pasará do 47,1, do 51,68 e do 48,25 (puntos porcentuais de cobertura actual) a máis do 90%. O Plan cubrirá a demanda do 10% restante a través de servizos de acceso vía satélite: a tecnoloxía escollida polo organismo público para achegar a banda larga de calidade onde non chega coas tecnoloxías ordinarias.
A liña de acción que o Plan desenvolve nesta zona é “a extensión de redes fixas, que se concreta na extensión de fibra óptica ata os núcleos con maior demanda, que está a realizar o operador Telefónica e que garanten unha velocidade de 6 Mbps”.
A día de hoxe, e tras á posta en marcha de máis da metade das actuacións previstas no Plan de Banda Larga 2010-2013, os galegos e galegas que podemos acceder á banda larga somos 250.000, e ao longo deste ano, o Plan permitirá que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegue ao 83,60 por cento.
Internet chega a 2.000 novos fogares da comarca de Ortegal
Compartir Este Artigo

