Se hai unha saga de videoxogos de éxito en plataformas móbiles no último ano esta sería sen dúbida Angry Birds, que tras trunfar en móbiles e tablets chega agora a navegadores web a través da Chrome Web Store, onde está dispoñible para a súa descarga de balde, co que buscan probar ao público que é posible facer xogos para o navegador sen empregar tecnoloxías como Flash. Aínda que o xogo está optimizado para o seu uso en Google Chrome, tamén pode gozarse dende outros navegadores web (aínda que en tal caso non será posible a súa instalación).
A nova versión web de Angry Birds inclúe 70 niveis, entre os que destacan 7 inspirados en Google Chrome, ou sexa, niveis exclusivos para esta versión, que agradecerán os afeitos a esta saga, e que só poderán xogarse tras o seu desbloqueo previo (atopando os logotipos de Chrome nos niveis ordinarios do xogo). Cómo vén a ser habitual nesta saga, agárdase que este xogo web reciba actualizacións con novos niveis de diversión.
Cómpre destacar que o xogo está dispoñible en versión SD e HD, para que os usuarios poidan elixir a que mellor se adapte á resolución da súa pantalla e á potencia do seu equipo.
Angry Birds estrea versión web
Compartir Este Artigo

