Vivimos nos tempos nos que impera a electrónica de consumo e Internet para todo, porén, paradoxicamente, tamén vivimos nunha época na que a sociedade en xeral (salvo algunhas excepcións) está firmemente concienciada polo coidado do medio ambiente e por darlle pulo a todo o que teña que ver co “verde”.
Desta maneira, cada vez son máis as empresas que levan a cabo iniciativas en prol da reciclaxe e a eficiencia enerxética, incentivando o consumo responsable por entre a cidadanía e fomentando o uso de enerxías alternativas.
A última no noso país foi Telefónica, que, en colaboración con Research in Motion (RIM) vén de presentar o concurso Green ICT Application Challenge, co que premiar a idea máis innovadora para desenvolver unha aplicación green para o móbil ou para a web, que permita aumentar a eficiencia enerxética e, segundo afirman, “co conseguinte efecto positivo no cambio climático”.
O proxecto enmárcase no programa Green Customer Experience, tamén desenvolvido pola operadora de telefonía, que busca ofrecer aos clientes “unha experiencia green, dende que se plantexa a compra dun dispositivo, durante o seu uso, e atar o final da súa vida útil”.
Máis polo miúdo, con este concurso, Telefónica trata de promover unha “nova oleada de innovación” con aplicacións centradas na eficiencia enerxética en edificios intelixentes; sistemas de transporte intelixentes ou domótica; eco-deseño; implicación das comunidade; supervisión do cambio climático ou medición as emisións de gases de efecto invernadoiro, entre outras.
A finalidade última deste concurso, que foi promovido pola ITU, o principal organismo das Nacións Unidas para as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), é facerlle reflexionar aos participantes sobre o papel das TIC no cambio climático e en particular, para a adaptación e mitigación dos países en vías de desenvolvemento.
A persoas interesadas en participar deben presentar un documento detallado no que se explique cómo as súas ideas poden axudar a paliar, mediante unha solución TIC, o cambio climático e os problemas medioambientais e de sostibilidade. As candidaturas poden basearse en calquera tipo de ferramenta de software ou xogo, compatibles coa web, un equipo informático ou un dispositivo móbil. A data límite de presentación de candidaturas é o 17 de xuño de 2011, ás 17:00 horas.
O gañador recibirá un premio en metálico de 10.000 dólares, ademais dunha invitación para presentar a súa iniciativa na Green Standards Week da ITU, que se celebra en Italia no vindeiro mes de setembro. Asemade, a aplicación gañadora pode ser desenvolvida e presentada durante un evento paralelo que se celebrará nas conferencias sobre cambio climático COP-17 en Sudáfrica en decembro deste ano.
Telefónica premia a mellor idea tecnolóxica para afrontar o cambio climático
Compartir Este Artigo

