A pasada semana, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, aproveitaba a súa visita a Ponteareas, (a onde ía para inaugurar o Centro de Modernización e Inclusión Tecnolóxica da vila), para anunciar a inminente publicación no DOG dunha nova orde de axudas por un montante de 15 millóns de euros para o espallamento da banda larga en 11.000 núcleos do rural, que permitirían chegar a máis de 250.000 galegos entre este ano e 2013.
Pois ben, o Diario Oficial de Galicia de hoxe recolle a devandita orde, que, conforme ao previsto no Plan de Banda Larga 2010-2013, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica concederá axudas de 15.290.000 euros “para a creación de novas redes de acceso á banda larga na contorna rural de Galicia”.
Efectivamente, tal e como anunciou o Executivo, as axudas previstas levarán a banda larga a 11.000 núcleos do rural galego, ubicados nas denominadas zonas brancas, é dicir, que ata o de agora non teñen acceso á mesma nin previsión de telo a curto prazo.
Estas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), realizaranse co compromiso de “despregar a totalidade da Rede antes do remate do ano 2013”, tal e como asegurou Feijoo no seu día, e beneficiarán a máis de 250.000 habitantes que a día de hoxe non dispoñen de cobertura.
Por outra banda, cabe destacar o feito de que o Goberno Central aprobou recentemento o Real Decreto 458/2011, sobre actuacións en materia do espectro radioeléctrico para o desenvolvemento da sociedade dixital, o que a Xunta aproveitará para darlle pulo ás comunicacións de banda larga en mobilidade e para ampliar o abano de posibilidades tecnolóxicas á hora de extender a banda larga nas zonas máis rurais de Galicia.
Coa convocatoria de axudas aprobada hoxe polo Consello da Xunta, o Executivo porá en marcha unha nova acción do seu Plan de Banda Larga, co que prevé posibilitarlle o acceso á banda larga a máis do 84 por cento da poboación ao longo deste ano.
Publicada no DOG a orde de axudas por valor de 15 millóns para levar Internet ao rural galego
Compartir Este Artigo

