O Consello de Ministros, co obxectivo de que toda a cidadanía “se beneficie canto antes” da inclusión da banda ancha no servizo universal de telecomunicacións, vén de aprobar, esta mesma mañá, o Real Decreto polo que modifica o Regulamento sobre as condicións para a prestación de servizos de comunicacións electrónicas, a protección dos usuarios e o servizo universal do acceso a Internet, algo que gran parte da cidadanía anhelaba como auga de maio.
Xa que logo, a incorporación ao servizo universal do acceso a Internet a unha velocidade en sentido descendente de un megabit por segundo (establecida na Lei de Economía Sostible), beneficiará a uns 350.000 fogares, que na actualidade, non contan con cobertura de banda ancha ou teñen unha velocidade inferior á establecida na devandita lei.
Segundo apuntan dende este organismo, o servizo universal de telecomunicacións é un conxunto definido de “servizos básicos” cuxa prestación por parte do operador designado está garantida para todos os usuarios finais, “con independencia da súa localización xeográfica, cunha calidade determinada e a un prezo asequible”.
A grandes rasgos, trátase dun concepto único e harmonizado para toda a Unión Europea, cuxo obxectivo é crear unha rede de seguridade “que evite a exclusión social” causada polo feito de non dispor do conxunto de servizos básicos incluídos, entre os que destaca a conexión á rede pública de comunicacións electrónicas, o servizo de telefonía fixa, cabinas, guías telefónicas ou servizos de consulta telefónica sobre números de aboado.
Entre outras cousas, este Real Decreto estende o dereito de acceso das persoas con discapacidade en condicións equivalentes, ata o de agora limitado ao servizo telefónico, ás guías e ao servizo de consulta telefónica sobre números de aboado; adecúa o número de cabinas ao uso decrecente deste servizo e suprime a obriga da entrega de guías en formato impreso, salvo petición expresa do aboado.
Tamén lle concede ao usuario o dereito a contratar conexións sen capacidade de banda ancha, é dicir, que non estará obrigado a contratar servizos ou facilidades que non precise; e obriga ao operador a que garanta unha velocidade media de conexión, en calquera período de 24 horas, de polo menos un megabit por segundo.
Tras a entrada en vigor do Real Decreto aprobado, procederase á aprobación do pregos e á convocatoria dos procesos de licitación correspondentes aos diferentes elementos do servizo universal. A designación dos operadores responsables das obrigas do servizo universal producirase antes de rematar o ano.
Aprobada a inclusión da banda ancha no servizo universal de telecomunicacións
Compartir Este Artigo

