A Asociación de Altas Capacidades de Galicia (ASAC) presentou esta fin de semana o seu novo portal, dirixido a informar polo miúdo dos seus obxectivos (dar apoio e impulso ás nenas e nenos can altas capacidades) nos novos escenarios dixitais, amais de contribuír a crear espazos de colaboración e traballo participativos. Na presentación da páxina web, que tamén se dirixe a dar soporte e asesoramento aos docentes no seu labor educativo cotián con estes colectivos, interveu o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, quen fixo fincapé na necesidade de pechar fileiras arredor dunha responsabilidade ben clara: ser quen de traballar no desenvolvemento dos potenciais destes alumnos con recursos e servizos que capten a súa atención e o seu interese.
A nova web, precisamente, encamíñase en boa medida a achegar metodoloxías para acadar isto último, implicando de xeito activo a nais, pais, docentes e investigadores.
No acto tamén estiveron presentes a profesora de psicoloxía da Universidade de Santiago e investigadora de altas capacidades, Carmen María Pomar Tojo; a divulgadora científica e periodista, María Solar Núñez; o catedrático de electromagnetismo da USC, Jorge Mira; a o ilustrador, profesor e co-responsable do portal de ASAC, Xosé Tomás Díaz. ASAC, entidade sen arela de lucro creada en 1995, con sede na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Vigo, ten por principal obxectivo o de pór en marcha accións para mellorar a formación, o desenvolvemento e a calidade de vida destes colectivos.
En marcha a nova web a Asociación de Altas Capacidades de Galicia
Compartir Este Artigo
