A empresa galego-rioxana Commcenter, distribuidora nacional do operador Movistar de capital independente, vén de facer reconto, co gallo da súa xunta xeral, das contas anuais do exercicio 2010, segundo fixeron saber os propios responsables da compañía “enormemente positivas”. A firma, centrada sobre todo na achega de servizos de telefonía, está a consolidarse nos últimos anos como un modelo a seguir dentro do ámbito da distribución de produtos e recursos variados de telecomunicacións exclusivos, liña de medre e afianzamento que se viu confirmada coas “excelentes cifras” acadadas en 2010 no que se refire a crecemento de negocio.
Os resultados obtidos, informa a compañía, están por enriba dos obxectivos fixados no seu plano de negocio, “xa que melloraron a marxe bruta como consecuencia dunha óptima xestión dos seus produtos e dunha rigorosa xestión e control do gasto”.
Como consecuencia, a marxe ascendeu a 17,74 millóns de euros, incrementándose un 21,32% sobre o ano anterior. De feito, Commcenter incrementou o seu resultado un 94,8% ata acadar os 1,9 millóns de euros de beneficio. Damos conta das cifras unha por unha:
Ingresos: 49.004.764 euros en 2010 fronte aos 42,5 millóns de 2009
EBITDA: 4.156.000 euros en 2010 fronte aos 2,3 do ano anterior.
Beneficio neto: 1,9 millóns de euros fronte aos 953.864 de 2009.
Número de tendas: 112 fronte ás 82 do exercicio previo.
Número de empregados: 360 fronte a 284.
