
Nesta charla, na que participou medio centenar de alumnas e alumnos de Bacharelato procedentes dos IES Chan do Monte (Marín) e Santa Irene (Vigo), os profesionais de Gradiant achegaron unha serie de consellos prácticos sobre o bo emprego de Internet, facendo fincapé nas súas luces (participación, acceso rápido e inmediato ao coñecemento e á comunicación, mellora das capacidades de cada quen, facilidades no estudo e no traballo, etc) e máis nas súas sombras. Sobre estas últimas, fíxose fincapé nos riscos directos dun mal uso da Internet, que van dende o xermolo de posibles adiccións aos servizos e aos trebellos dixitais ata a posibilidade de confiarlle cegamente aos nosos datos a quen non sabemos que uso vai facer deles.
A charla en cuestión, que se estendeu unhas dúas horas, comezou cunha enquisa. O resultado, informa Gradiant, foi o seguinte: tódolos asistentes á xornada, 45 alumnas e alumnos, tiñan conexión a Internet nos seus fogares, e a gran maioría computador propio ou teléfono móbil. Asemade, todas e todos teñen un perfil nalgunha rede social. “As cifras”, informa Gradiant, “serían impensables hai 10 anos”. Na xornada participaron Andrés Estévez e Lilian Adkinson, enxeñeiros de Telecomunicacións e investigadores de Gradiant, que propuxeron un coloquio dirixido a mellorar o uso que a mocidade fai da Rede, amosándolles aos asistentes recursos e utilidades de Internet para a súa vida cotiá e, tamén, para a súa vida académica (traballo en grupo a distancia, recursos educativos, teleformación, etc).
Ao longo da actividade, afondouse na importancia de reforzar a seguridade nas sesións en liña, tanto a nivel de datos persoais como de protección dos equipos de cada quen perante ataques externos de toda índole, dende virus ata tentativas de suplantación.
Polo que atinxe á outra acción divulgativa que desenvolveu Gradiant a semana pasada, a visita ao Colexio Navalón de Santiago inserida no proxecto itinerante Tecnoloxías especiais para persoas especiais, dicir que se encamiñou a achegar coñecemento sobre as vantaxes das novas tecnoloxías entre os usuarios do devandito espazo de ensinanza, vantaxes que non só afectan ao alumnado senón tamén aos docentes e ás nais e pais. Máis información sobre as iniciativas de formación tecnolóxico-dixital de Gradiant, pasadas, presentes e vindeiras, na web Divulgación do propio centro.
Gradiant informa perante ducias de mozos das luces e sombras das redes actuais
Compartir Este Artigo
