
Máis polo miúdo, a cita será na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Segundo se informa no DUVI, o encontro desenvolverase entre o 7 e o 8 de xuño e servirá entre outras cousas para dar acubillo a grupos de investigación, empresas, fundacións e máis colectivos e plataformas relacionadas coa defensa e promoción da accesibilidade. A idea é alentar o debate sobre as moitas posibilidades da Sociedade do Coñecemento para a mellora da calidade de vida das persoas maiores, dependentes, en risco de exclusión social ou con diversidades funcionais de toda índole. Segundo conta a organización, as novas tecnoloxías abren unha fiestra a través da que lles sopra un aire de autonomía. As opcións e potencialidades son moitas e variadas: teleasistencia (asistencia a distancia), videoatención, dispositivos para persoas con problemas auditivos ou visuais, etc.
En definitiva, do que se trata nestas xornadas (que xa van pola segunda edición, logo do éxito da celebrada o ano pasado) é de facilitar a posta en común dos avances TIC e das necesidades destes colectivos. Detrás deste evento atópase a devandita escola viguesa co apoio da Fundación Vodafone.
Segundo explica a directora da escola, Edita de Lorenzo, o obxectivo desta iniciativa é “falar sobre a contribución das TIC á vida autónoma de persoas con discapacidade e tamén para maiores, tratándose diversos aspectos para axudar en problemas moi comúns”.
En total, serán catro módulos de relatorios e mesas redondas a desenvolver nas ditas xornadas, onde intervirán fundación, grupos de I+D galegos e estatais e máis empresas do sector amosando a súas accións recentes a prol das persoas dependentes ou con diversidades funcionais. O mércores, antes do remate, desenvolverase unha mesa redonda integrada por algunhas asociacións que exporán o seu punto de vista sobre aplicacións existentes e outras necesarias.
Telecomunicación acolle a segunda edición das súas xornadas sobre as vantaxes sociais da accesibilidade
Compartir Este Artigo
