Este venres ábrese no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña unha xuntanza que nos colle de preto dende o punto de vista temático, non directamente, pero si por múltiples camiños indirectos ligados ao computacional. Trátase da oitava edición do Foro de Interacción Matemática Aplicada á Industria, un evento profesional dirixido a pór de relevo a experiencia das nosas empresas e os nosos profesionais botando man de diversas solucións numéricas ou de computación para resolver todo tipo de retos no seo do seu traballo.
En definitiva, do que se trata é de afondar no potencial de determinadas operacións (modelado, simulación de procesos e dispositivos, enxeñaría asistida por computador) no pulo competitivo e operativo das empresas. Os abanos de actividade susceptibles de resolución pola vía matemática-tecnolóxica son do máis amplo: mecánicas de fluídos, cálculo de estruturas, transferencia de calor, acústica, electromagnetismo, finanzas cuantitativas, etc.
A xornada de hoxe, que será inaugurada ás 9.30 por Concha Herrero, vicerreitora de Investigación da Universidade, contará coa participación de Banesto, CIE Automotive, Nexlimits Technologies, Decide e Vascogallega, entidades procedentes de sectores como a banca, o desenvolvemento de software, a automoción e a loxística. O evento vaise desenvolver durante toda a mañá e boa parte da tarde.
A UDC dá acubillo este venres a un encontro profesional sobre interacción matemática na industria
Compartir Este Artigo
