A pasada noite tivo lugar a conferencia que puxo peche á primeira xornada do E3 de Los Angeles, con Sony presentando unha serie de novidades para PlayStation 3, así como a súa futura consola portátil que sucederá á PSP. Pero antes de achegar as novidades apareceu no escenario o máximo responsable de Sony Computer Entertainment America, Jack Tretton, para presentar o evento e pedir desculpas polos problemas que padeceron nas últimas semanas os usuarios da PlayStation Network, asegurando que aprenderan de tal erro e tomaran medidas de cara ao futuro.
A PS3 continúa a facer uso de PlayStation Move e as 3D
Os primeiros xogos de PS3 que amosaron foron os sobradamente coñecidos Uncharted 3 e Resistance 3, ao que seguiu un anuncio un tanto rechamante: Sony comercializará un pack con este último xogo, un monitor 3D, uns lentes 3D e un cable HDMI por 499 euros, o que consideran que é un prezo moi axustado para os que queiran dar o salto a esta tecnoloxía que actualmente aproveitan moitos títulos de PlayStation 3.
O PlayStation Move tamén contará con novidades (aínda que cun pulo moi inferior ao do Kinect de Microsoft) cos xogos Medieval Moves: Deadmund’s Quest (dos creadores de Sports Champion), NBA 2K12, LittleBigPlanet 2 (que coa actualización de outono adaptarse ao sistema de control de movemento) e Starhawk (xogo que chegará en 2012).
Medieval Moves: Deadmund’s Quest fará uso de PlayStation Move
Amosaron o trailer do divertido Sly Cooper: Thieves in Time, anunciaron Dust 514 (xogo dos creadores de EVE Online che chegará ás tendas na primavera de 2012), puideron verse imaxes de Bioshock Infinite (que na súa versión de PS3 incluirá soporte de Move e unha copia de balde do primeiro Bioshock), avanzaron que os xogos SSX, Need For Speed: The Run e Battlefield 3 terán contidos adicionais para PS3 e anunciaron que Digital Extremes está a desenvolver un xogo de Star Trek en terceira persoa e que contará con soporte para PlayStation Move.
Trailer de Sly Cooper: Thieves in Time
A nova portátil de Sony ten nome e prezo
Pero o principal anuncio deste evento era sen dúbida a presentación na futura consola portátil de Sony, para o que o presidente da división de xogo, Kaz Hirai, saíu a escena, confirmando que o seu nome será PlayStation VITA, e apostará por conectar redes sociais. Os seus primeiros títulos parecen bastante robustos, con Uncharted: Golden Abyss, Ruin (un RPG de acción), unha versión totalmente nova do ModNation RAcers, grandes posibilidades xogables na versión de LittleBigPlanet e incluso Street Fighter x Tekken, que destacará por contar con personaxes de inFamous 2.
O peche da conferencia foi realmente impresionte, pois deixaron para o final o anuncio do prezo da PlayStation VITA, que será de 249 euros para a súa versión Wi-Fi e 299 euros para a versión con Wi-Fi e 3G, o que é un prezo moi axustado que fará moi dura a súa guerra con Nintendo 3DS, consola que vai ter que reaccionar para ser máis competitiva. Agárdase que o lanzamento da PlayStation VITA sexa a tempo para a tempada de Nadal (sen concretar datas polo momento).
Vídeo de presentación da PlayStation VITA
Uncharted: Golden Abyss para PlayStatiion VITA

