
A presentación destes e outros datos, como dixemos onte, celebrouse no Centro Social de Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, nun acto que estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e ao que tamén asistiron o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e a directora xeral de Modernización e Innovación tecnolóxica, Mar Pereira.
Como avanzamos, os obxectivos destacados do Plan Estratéxico 2011-2013 do Cluster TIC Galicia son impulsar a competividade e a produtividade. A nivel de cifras e datos concretos, os grandes retos do Plan son promover a posta en marcha de 29 proxectos de I+D+i; elevar un 4% anual o gasto real neste capítulo das empresas membros da organización; impulsar a creación de 17 empresas de base tecnolóxica; promover a participación de 80 firmas en programas de mellora do acceso a fontes de financiamento, ou dar formación especializada a 380 directivos e profesionais do sector.
O Plan, que conta cun orzamento de 1.903.000 euros, prevé tamén incrementar o número de membros do Cluster, que actualmente é de 104, crear un selo de calidade para o sector TIC galego e desenvolver un programa de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).
Estes retos, informa o Cluster TIC, forman parte dun mapa de obxectivos instrumentais organizados arredor de tres grandes eixes estratéxicos, a saber: converter o Cluster TIC Galicia na organización integradora do macro-sector; incrementar a competitividade dos membros da entidade, e promover o crecemento da cifra de negocio dos socios do Cluster.
“Para acadar estas metas poranse en marcha 35 proxectos e programas de actuación, a eficacia dos cales será sometida a un minucioso control e seguimento por medio do cadro de mando integral do Plan Estratéxico”, informou o Cluster.
Obxectivo: acadar un medre anual medio do 4,7% no noso sector TIC
Compartir Este Artigo
