O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) vén de ser obxecto dun incidente de seguridade relacionado co roubo de datos. A incautación de información, máis polo miúdo, detectouse esta semana na plataforma de formación en liña do Instituto, “o que representa unha pequena parte dos servizos do mesmo”, informou o director xeral de INTECO, Víctor Izquierdo, con motivo de dar a coñecer o alcance do incidente perante os medios de comunicación e a sociedade española. O roubo de información, que a día de hoxe está a ser investigado polos corpos policiais (levándose a cabo unha análise forense, entre outras investigacións, polo que non hai nada concluínte), afectaría a un amplo abano de eidos sociais, tendo en conta a gran variedade de usuarios dos servizos de INTECO: dende cidadáns a empresas pasando por institucións públicas.
A todos eles, o Instituto pediulles que prosigan normalmente coa súa actividade e que sigan a confiar nos servizos da entidade, xa que este incidente non fai máis que confirmar “a súa capacidade de reacción inmediata e o bo funcionamento dos seus protocolos de xestións perante incidencias de seguridade”. Para ilustrar isto, o Instituto amosou unha cronoloxía do incidente e a súa posterior resposta punto por punto, localizándose aquel ás 11.24 horas, desenvolvéndose medidas drásticas de seguridade seis minutos despois e rematando todo este primeiro paso no proceso de reacción ás 13.05 horas coa conseguinte denuncia ante a Policía Nacional.
De xeito paralelo, informouse publicamente da incidencia a través dunha nota de actualidade na páxina web da entidade así como nos seus espazos nas redes sociais. INTECO salientou ademais que o ataque “unicamente afectou á plataforma de formación en liña, non véndose en ningún caso comprometidos o resto dos seus servizos”. As vítimas do roubo, engade o instituto, son o propio instituto e os 20.258 usuarios que estaban dados de alta na dita plataforma. Con todo, o roubo de datos non foi alén da substracción parcial dunha información básica, non habendo entre aqueles ningún de tipo de económico ou bancario, xa que non se solicitan no rexistro da plataforma.
INTECO explica polo miúdo o roubo de información do que foi obxecto
Compartir Este Artigo
