Seguimos a falar de innovación galega e de deberes ben feitos arredor dela (a semana que estamos a piques de deixar atrás foi especialmente pródiga nisto: no de poñernos na vangarda e obter recoñecementos diversos). Desta volta ollamos cara a Narón e cara a Santiago de Compostela, de onde son naturais os deseñadores galegos Enrique e Marcos Saavedra, respectivamente. Segundo no contan, unha parte do seu traballo xira arredor de darlle forma e visualizar, do xeito máis pormenorizado posible, a informática do día de mañá. Precisamente, esta experiencia concreta vén de servirlles para proclamarse como finalistas do concurso internacional da firma Fujitsu para deseñar o computador do futuro.
O xermolo disto estivo nunha proposta enviada de xeito conxunto por Marcos e Enrique para o certame da multinacional, proposta que foi vista con moi bos ollos polo xurado do mesmo, e tanto foi así que logo das roldas previas pasaron a estar ombro co ombro cos máis salientables creadores do panorama internacional.
Por certo que o proxecto de Marcos e Enrique chámase Vermis e emprázanos no mundo dixital do ano 2020.
O certame, organizado polo prestixioso portal de deseño Designboom, veu este ano con dúas categorías: Lifebook (o ordenador do ano 2013) e Life-Design (o 2020). Foi precisamente na última categoría onde quedou finalista a proposta galega, mestres que o primeiro premio foi para Integralcord. “Dos dous”, contan os nosos deseñadores, “cómpre salientar a súas semellanzas conceptuais, formais e tecnolóxicas, achegando en ámbolos dous casos un amplo grao de innovación”.
Volvendo ao proxecto Vermis, dicir que nos sitúa no ano 2020, nun mundo onde as conexións sen fíos e os accesos a Internet están plenamente afianzados e os ordenadores persoais teñen ligazón remota con servidores moi potentes. Asemade, a nanotecnoloxía avanzou a pasos de xigante. Vermis, contan Marcos e Enrique, desenvólvese a partir dunha cápsula de indetificación persoal que está conectada a un material intelixente, que pode mudar de forma dependendo do software. O devandito material sería de baixo custo e podería fabricarse en grandes cantidades, “conseguindo así que os ordenadores sexan accesibles para todo o mundo”.
O proxecto galego Vermis, finalista do certame de Fujitsu para deseñar o computador do futuro
Compartir Este Artigo
