Wireless Galicia, empresa da nosa terra especializada (coma o seu nome indica) na achega de infraestruturas de comunicación sen fíos e mobilidade, está neste intre nunha fase decisiva do seu desenvolvemento: a de achegar novos recursos de acceso ás redes que se adapten á perfección ás necesidades dos usuarios. Nesta liña e na de ofrecer o mellor servizo posible insírese o proxecto iBeaken, un sistema apoiado por Wireless Galicia e dirixido a facilitar ao máximo o acceso ao coñecemento en lugares e contextos onde o coñecemento é especialmente necesario. Segundo nos conta EGANET na súa web, asociación á que pertence Wireless Galicia, estamos perante unha solución tecnolóxica encamiñada a achegarnos cumprida información multimedia ligada a lugares de interese cultural mediante calquera dispositivo móbil. Exemplo de código QR de iBeakenPara quen queira saber máis sobre esta iniciativa, que se basea no aproveitamento dos códigos QR e a tecnoloxía NFC, dicirlle que o vindeiro 6 de outubro Wireless Galicia prepara unha xornada-obradoiro de presentación no Centro Demostrador TIC en Galicia, no CNTG (Santiago). A sesión, infórmase, diríxese sobre todo a profesionais galegos ligados ao sector turístico, á industria cultural ou ao desenvolvemento produtivo vinculado ao medio ambiente, veñan do sector privado ou ben das institucións públicas. De feito, e para facérmonos unha idea do potencial de iBeaken nestes sectores, pensouse neles dende o comezo mesmo do proxecto, unha experiencia internacional na que participa Wireless Galicia como socio español, sendo os seus principais obxectivos a busca de novas actividades empresariais ligadas ao noso, sustentables e innovadoras, ao tempo que se procuraron recursos que fortalecesen, a través de novos soportes, calquera iniciativa empresarial xa existente relacionada co fomento da nosa cultura ou da nosa paisaxe. A asistencia á cita é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC. Máis información e inscricións na web do Centro.