
A cita, detallada dende a páxina web de Galicia Hoxe, serviulle aos representantes de Sermos Galiza para recadar apoios de todo tipo, tanto dende o punto de vista económico (adquisicións de accións de cara a un capital social viable para o mantemento do proxecto) como divulgador.
No acto interviñeron Teresa Moure, escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Néstor Rego, da Asociación O Galo; Rubén Lois, profesor da USC; Manuel Vilar, investigador na Historia da Arte e o Patrimonio; e Olalla Rodil, estudante. Teresa Moure abriu as intervencións apelando á necesidade que temos, como pobo con lingua propia, de contar cun saudable panorama comunicativo e informativo en galego, cousa que neste intre e por desgraza non se dá. Moure animou aos presentes a traballar ombro con ombro para acadar medios de comunicación críticos, independentes, de esquerdas e en galego. Arrancou facendo un repaso por esta perda de diversidade ideolóxica e cultural da nosa prensa, tralo peche de varios medios de comunicación galegos, “agás honrosas excepcións (Novas da Galiza), e outras menos honrosas (La Voz de Galicia e as demais cabeceiras tradicionais)” . Tanto Moure como Néstor Rego fixeron fincapé nos diversos xeitos de colaborar con Sermos Galiza, proposta para a que se precisan uns 300.000 euros, divididos en 1.000 accións de 100 euros, e formar entre todos e todas “unha xunta de accionistas anónima, plural e diversa, na que ninguén poida quedar con máis do 10% do capital, e evitar así o seu control”.
Sermos Galiza presenta en Compostela o seu proxecto para pór en marcha un xornal dixital en galego
Compartir Este Artigo

