O grupo defensor dos dereitos animais Peta vén de lanzar unha polémica campaña aproveitando o lanzamento do xogo Super Mario 3D Land, acusando ao célebre fontaneiro de Nintendo de crueldade animal por disfrazarse de tanuki nalgunhas das súas fases para acadar poderes especiais para derrotar aos seus inimigos. Dende Peta aseguran que o feito de que Mario poida usar un disfrace de tanuki implica que está a defender o vestirse con peles, de aí que acusen a Mario de matar tanukis cun xogo en Flash no que podemos ver a Mario vestindo unha pel de tanuki manchada de sangue.
Dende o sector dos videoxogos non sentaron nada ben as críticas de Peta, que considéranse oportunistas, buscando só conseguir publicidade de balde, e chégase a facer burla do feito de que en 25 anos non caesen na conta de que nos xogos de Super Mario maltrátanse ás tartarugas (os koopas son os principais inimigos da franquía nintendeira).
Mentres, dende Nintendo aseguran que Mario toma a aparencia de distintos animais e obxectos nos seus xogos (unha ra, un pingüín, un globo…) o que busca engadir diversión ao xogo e non entenden que iso poida levar a ningún tipo de conclusión máis aló dos xogos en si mesmos. Este argumento veuse reforzado polas declaracións dun localizador de videoxogos a Kotaku, quen asegura que a campaña de Peta é un grandísimo malentendido cultural, xa que os tanukis son figuras do folklore xaponés, aos que se lles atribúen características multiformes (de aí que teña lóxica que Mario poida converterse nun).
No Xapón os tanukis son símbolos da boa sorte, e tamén poden considerarse coma os equivalentes aos gnomos de xardín, sendo habitual atopar tanukis de cerámica en exteriores de oficinas e fogares.
Tampouco podemos esquecer o feito de que, máis aló do folklore xaponés, o disfraces de animais son unha práctica bastante habitual na cultura popular, resultando tamén bastante curioso o feito de que puidésemos ver a un home vestido de tanuki no evento promocional de Super Mario 3D Land en Times Square, deixando claro que pouco pode ter iso que ver con vestir peles.
Peta denuncia a Mario de crueldade animal
Compartir Este Artigo

