Co obxectivo de dar a coñecer ferramentas empresariais que lle permitan aos usuarios anticiparse aos problemas e incrementar o potencial dos seus negocios, comezaron onte na Coruña as xornadas Instrumentos para saír da crise, que organiza o Concello Herculino en colaboración coa Universidade.
Na primeira xornada, celebrada onte, tivo lugar o obradoiro Que lle pasa á miña empresa e por qué?, no que se abordaron cuestións prácticas referentes a empresas e situacións complicadas a resolver, así como accións de mellora que se poden levar a cabo, da man de profesionais de recoñecido prestixio.
Este obradoiro terá a súa segunda parte mañá xoves, 15 de decembro, baixo o título Como podo solucionalo?, onde, entre outras cousas, se achegarán as claves para mellorar as situacións de crise nas entidades afectadas, da man de Noela Burés Grandío e María Montero Fernández, de Qualinnova Consulting.
Entre os aspectos concretos que tratarán as relatoras convidadas tamén figuran ferramentas para elaborar un plan estratéxico, conceptos sobre o control de xestión ou o plan económico financeiro como clave da planificación estratéxica, así como a previsión de ingresos e gastos e instrumentos de cobro e pago
As xornadas concluirán o venres 16 de decembro cunha xornada de traballo sobre redes sociais e novas ferramentas, que se desenvolverá durante todo o día (de 10.00 a 13.00 horas pola mañá e de 16.30 a 19.00 horas pola tarde) á que se recomenda levar portátil.
Nestas sesións de traballo abordaranse, entre outras cuestións, cómo crear unha estratexia de comunicación baseada en redes sociais, así como unha descrición sobre as características e a idoneidade de cada unha das redes existentes para acadarlle un rendemento empresarial. O obradoiro será impartido por Manuela Battaglini e a mesa redonda estará moderada por Laura Cuesta. Nela intervirán Tristán Elósegui, Juan Merodio e José Luis Casdal; todos eles son destacados expertos en xestión de redes sociais ou comunity management.
Proseguen na Coruña as xornadas para axudarnos a saír da crise mediante o uso das TIC
Compartir Este Artigo

