
O xogo estrela de lanzamento da PS Vita, Uncharted: Golden Abyss, terá o desagradable prezo inicial de 49,99 euros (o que parece moi elevado para un xogo de consola portátil), mentres que títulos máis modestos (ModNation Racers: Road Trip, Everybody’s Golf, WipEout 2048 e Unit 13) venderanse a 39,99 euros, existindo tamén títulos como Little Deviants e Reality Fighters a 29,99 euros, o que dá a entender que os prezos dos xogos da consola portátil de Sony serán claramente superiores aos da portátil de Nintendo.
Outros prezos que tamén están a resultar bastante polémicos son os das tarxetas de memoria para a PS Vita, que serían de 19,99, 34,99 e 49,99 euros para capacidades de 4, 8 e 16 Gb, o que chegaría a cuadriplicar o prezo de tarxetas equivalentes en formato microSD.
Pero estes prezos elevados non parecen estar a frear a certos usuarios impacientes, que están a lanzarse a adquirir a PS Vita de importación, pagando nalgunhas tendas en liña ata 549 dólares (425 euros) polo modelo Wi-Fi da consola (que custará 249 euros nun par de meses en España). Polos xogos tamén están a pagarse uns sobrecustos importantes, aínda que pode que se trate simplemente dun efecto das compras como agasallo para o Nadal (pois a adquisición dun produto aínda non comercializado nun país pode ser unha sorpresa segura nestas datas).
Os xogos para PS Vita chegarán a uns prezos bastante elevados
Compartir Este Artigo
