SEGA trae hoxe ás tendas europeas o xogo Binary Domain, título que estreou versión de demostración a semana pasada, e que agora terá que pasar a proba do público despois de que a crítica o tratase relativamente ben. Este xogo para Xbox 360 e PlayStation 3 terá que intentar destacar no concorrido espazo dos shooters en terceira persoal, para o que optan por un combate frenético contra un exército de robots no medio dun Tokyo futurista.
A historia do xogo parte dunha situación na que a cidade está moi polarizada pola pobreza e o uso da tecnoloxía, cunha batalla polos recursos coma corrente de fondo, cando uns híbridos ilegais de robot e humano (os fillos do éter) atacan a unha corporación robótica americana, iniciando unha cadea de reaccións que dará pé a moitas incógnitas.
Durante esta aventura encarnaremos o papel de Dan Marshall, membro da unidade R.U.S.T. de operacións encubertas, que deberá investigar o acontecido e enfrontarse a múltiples inimigos a través dos suburbios abandonados dos niveis inferiores da cidade e dos contornos superiores, chegando a cuestionar as súas accións, o que veremos a través do sistema causa-efecto controlado polo sistema de recoñecemento de voz do xogo, que permite interactuar ao xogador co resto de compañeiros de equipo a través de decisións conversacionais que afectan aos niveis de confianza entre eles. Binary Domain tamén conta con modos multixogador cooperativos e competitivos repartidos en 7 modalidades de xogo que o converten nun título sólido que é lixeiramente diferente ao que estamos afeitos.
Trailer de lanzamento do xogo
O shooter futurista Binary Domain chega ás tendas
Compartir Este Artigo
